San Marcos sabe ao mellor xamón

O Congreso Mundial do Xamón botouse á rúa para conquistar aos lucenses ofrecéndolles un espectáculo de corte en directo na nova Praza de San Marcos.

Once cortadores especializados ofreceron unha demostración da difícil arte de cortar xamón, ademais dunha clase maxistral sobre as características das distintas denominacións de orixe. Así, os asistentes, que se congregaron na praza desde as 16.30 horas, puideron degustar xamóns de todas as variedades españolas -Xamón de Teruel, Guijuelo, Dehesa de Estremadura, Huelva, Valle de los Pedroches e Trévelez, ademais do Consorcio Jamón Serrano, Porco Celta e Fundación Jamón Serrano-, dous de Portugal e unha francesa – Santa Ana da Serra, Barrancos e Jambon Noir de Bigorre respectivamente-.

Ademais, varios restaurantes de Lugo que participan no concurso de tapas fixeron unha demostración en vivo de varios pratos que contiñan xamón entre os seus ingredientes. Entre outros, participaron no Show Cooking cociñeiros do Ave César, Américan Bar, a Tapería de Baco, Taberna Daniel, Cafetería Abrente, Cafetería Darío e Pazo de Orbán.

A gastronomía foi unha constante onte en San Marcos. A editorial Alvarellos presentou o libro ‘Guía secreta da gastronomía de Galicia: Lugo’, de Miguel Vila. O autor reuniu neste volume as súas experiencias de máis de 30 anos relacionado co mundo da cociña. Vila fai mención á variedade como unha característica fundamental de gastronomía lucense, «Lugo ten unha peculiaridade que non se dá noutras provincias, ten o mar e a alta montaña, ademáis de moitas comarcas cunha infinidade de produtos diferentes», comentou o escritor.

Inauguración

Con motivo da celebración destas actividades, tamén tivo lugar a inauguración oficial da reformada Praza de San Marcos. O presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, destacou que xa hai varios meses que a praza é «o salón de estar» de moitos lucenses e que aínda están a pechar actuacións para concluír a mellora Besteiro estivo acompañado neste acto polo alcade, José López Orozco, e o subdelegado do Goberno, José Vázquez Portomeñe.